A Escola de Música de Vilatuxe conmemora 25 anos de vida

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Cun concerto este sábado, a formación amosa o traballo nas aulas e agradece os apoios xestados dende o ano 1999

09 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Con motivo da celebración do 25 aniversario da Escola de Música de Vilatuxe (Lalín), alumnos do centro e integrantes da Banda Xuvenil ofrecerán este sábado (Auditorio Municipal, 20.00 horas) un concerto baixo o título de Unha tarde no circo, que servirá para dar a coñecer todo o traballo que se ven levando a cabo nas aulas ademais de agradecer «o sempre xeneroso apoio de moita xente para coa escola»; lembrou Luis González Pichel, quen xunto ao seu irmán Jaime, José Fernández «O Xastre», Berta Santomé e Gregorio Mosteiro fundaron a escola no ano 1999.

Un centro que xa existía, sendo coordinado por aquel entón por José Fernández e o director da Banda de Vilatuxe do momento, pero que se encontraba en horas baixas e que atopou en cinco músicos entusiastas unha profunda renovación que callaría fondo na localidade. Rememora González Pichel o seu paso pola Banda de Colmenar Viejo xunto a súa muller Berta, «e posteriormente unha viaxe á Arxentina coa Banda de Sada onde puiden comprobar como xestionaban alí o paso dos rapaces da escola á banda, e pensei que nós tamén o podiamos facer en Vilatuxe».

Camiño con dificultades

E fixérono. Aínda que o camiño non estivo libre de rochas, comenta Luis González. «Cando empezamos non había nada, e había moito, que era a ilusión coa que puxemos en marcha o proxecto. Convocamos unha reunión coa xente da parroquia, prantexamos cobrar unha pequena cuota para as clases, e todos estiveron de acordo». Primeiros anos da escola na que o profesorado non percibía ningún tipo de remuneración, pero que non deixou de traballar con gran profesionalidade, «e nos que atopamos unha magnífica colaboración por parte de Andrés, director do colexio naqueles anos, que nos cedía as aulas para os ensaios ou a do cura de Lebozán, José Luis, que se encargaba das clases de guitarra», conta con emoción González Pichel.

Aquela escola de música que se abriu con 15 alumnos e conta na actualidade con máis dun cento de rapaces, sufriu numerosos cambios malia que mantén aínda unha parte do profesorado fundador. «Actualmente o formato é diferente. Temos profesores en todas as especialidade, e contamos cunha directiva que ten unha estrutura forte e que traballa na procura de que os rapaces se formen o mellor posible, e que sexan músicos que continúen nutrindo á banda», reflexiona González Pichel. O crecemento da escola fai necesario contar con máis espazo para os ensaios, e para os concertos que se veñen mantendo no tempo. Máis primaveras para a Escola de Música de Vilatuxe!.